Page 13 - revista agaca 156_web
P. 13

13

                                                                                               tendencias


                       DECLARACIÓN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA 2021

                   As cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa

                 Esta é a Declaración do movemento cooperativo galego, como axente activo, eficaz e comprometido co
                 desenvolvemento e o crecemento socioeconómico da nosa terra, Galicia. O cooperativismo leva apor-
                 tado moito ao desenvolvemento económico, tanto en termos de emprego, promovendo un emprego
                 estable e de calidade, como de xeración de riqueza e benestar social, así como en innovación social,
                 ofrecendo solucións participativas e corresponsables a retos económicos, sociais, dixitais, medioam-
                 bientais, enerxéticos ou demográficos.  As cooperativas actúan tamén como axente de fixación da
                 poboación en zonas que padecen despoboamento e favorecen a igualdade de oportunidades para
                 todas as persoas, con independencia da súa condición ou xénero. Ademais, as cooperativas téñense
                 demostrado entidades resilientes chamadas a lograr, xunto co resto da economía social, unha recupe-
                 ración económica máis social, sostible e participativa.
                 O cooperativismo galego está formado na actualidade por 1.500 cooperativas activas, cun constante e
                 progresivo crecemento, incrementado nos anos de crise económica, identificándose como un modelo
                 empresarial que conta cunha maior capacidade de adaptación a un entorno cambiante como o
                 vivido nos últimos tempos. Esta situación actual non é froito da sorte, senón resultado do traballo que se
                 vén desenvolvendo dende as propias cooperativas, as súas asociacións representativas e as institucións
                 públicas competentes na materia. Un traballo coordinado que tivo o seu primeiro impulso relevante
                 coa aprobación da Lei 5/1998 de Cooperativas de Galicia e a creación, tres anos despois, do Consello
                 Galego de Cooperativas.

                 En Galicia as cooperativas están presentes en todos os sectores de actividade económica e empresarial,
                 liderando, en moitos casos, a innovación que neles se leva a cabo, ademais da súa implantación en
                 actividades sociais, culturais, asistenciais e humanistas de modo e forma incuestionable. A figura coope-
                 rativa ten moitas caras e moitas maneiras de manifestarse fronte á sociedade e as súas necesidades
                 e problemas, facéndoo sempre dunha maneira comprometida, solidaria, democrática e xusta. Os seus
                 principios e valores, aplaudidos internacionalmente, deben ser coñecidos e transmitidos ao conxunto da
                 cidadanía, para a súa posta en valor.

                 Cabe  destacar  o  seu  papel  clave  na  xestión,  administración  e  transformación  dos  actuais  modelos
                 produtivos no sector primario, servizos, e industriais, pero tamén no eido dos coidados, a cultura, a
                 enerxía renovable e os novos modelos de vivenda. Este impulso na xestión, e transformador xunto coa
                 súa demostrada adaptabilidade, fan que este modelo empresarial se caracterice por xerar sistemas
                 económicos eficientes e resilientes.

                 O movemento cooperativo forma parte destacada da economía social e ambos o dous constitúense en
                 aliados imprescindibles, non só na estratexia de recuperación económica, senón tamén na implemen-
                 tación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para o ano 2030. Porque os fins establecidos
                 polos ODS forman parte do ADN cooperativo. Así, a primacía das persoas e o obxecto social sobre o
                 capital, a gobernanza democrática e participativa, o reinvestimento de boa parte dos beneficios xerados
                 para asegurar a sostibilidade a longo prazo da empresa e a prestación de servizos aos seus membros e
                 ás comunidades locais, os empregos de calidade e a igualdade entre persoas son xa unha realidade
                 nas organizacións cooperativas e nos contornos onde estas operan.

                 No cooperativismo asumimos tamén o compromiso co desafío climático. As cooperativas están compro-
                 metidas coa loita contra o cambio climático e o reto da biodiversidade porque cremos firmemente que
                 o cooperativismo ten que formar parte da solución e porque sen sostibilidade económica non poderá
                 existir sostibilidade ambiental. A nosa contribución á fixación de poboación en todo o territorio, a aposta
                 polos coidados das contornas mariñas e a produción sustentable, en todos os ámbitos, son algunhas
                 das realidades das que o cooperativismo xa é un motor de cambio.



                                                                                                        Nº 156 Decembro 2021
   8   9   10   11   12   13   14   15   16   17   18