Page 6 - revista agaca 153_web
P. 6
6
a fondo
O peso das adegas cooperativas nos
mercados e na sociedade
O sector vitivinícola galego, coma o resto de sectores, non foi alleo á irrupción da pandemia
e aos seus efectos tanto a nivel interno, a través dunha inevitable reorganización empresarial
e estrutural, como externo, en función da súa incidencia nos mercados e da necesidade de
adaptarse ás tendencias de consumo onde o universo dixital xa é a innovación dominante en
moitos casos esixindo unha actualización permanente das estratexias de marketing.
O peso social e económico das adegas cooperativas en Galicia é indiscutible: evidénciao a
actualidade dos datos que nos refiren as oito cooperativas que sondamos nada máis rematar
o proceso da vendima co fin de esbozar un retrato o máis fiel posible da nova realidade confi-
gurada tras o impacto da irrupción da Covid-19 nas nosas vidas: Martín Códax (Cambados -
Pontevedra), Condes de Albarei (Cambados - Pontevedra), Viña Costeira (Ribadavia - Ourense),
Paco&Lola (Xil - Pontevedra), Vinos Barco (O Barco de Valdeorras-Ourense), Viña Almirante (A
Peroxa - Pontevedra), Eidosela (Arbo - Pontevedra) e Rúa (O Barco de Valdeorras - Ourense).
O universo das adegas cooperativas testadas é heteroxéneo en múltiples factores como a
dimensión: algunhas reflicten un nivel de vendas anuais próximo aos 30 millóns de euros,
entregas de uva que superaron os seis millóns de quilos nesta vendima; outras, máis pequenas,
sitúanse no medio millón de euros e nos 200.000 kg de uva recollida. O punto de partida tamén
cambia: algunhas históricas contan con máis de 50 anos de antigüidade mentres outras non
chegan á década. A orografía dos terreos e a influencia climatolóxica cambian moito se
falamos das Rías Baixas ou se nos referimos á zona de Valdeorras, por exemplo. A tipoloxía dos
viños: máis marquista ou menos, o nivel adquisitivo do público obxectivo, a capacidade de
investimento en tecnoloxía e de influencia nos mercados, os accesos a máis terra... son algúns
elementos diferenciadores e distintivos que loxicamente afectan de xeito distinto á hora de
valorar mercado e futuro.
Porén, a pesar da gran diversidade da mostra en canto a marcas, dimensión, estratexia, antigüi-
dade, nivel de dixitalización ou capacidade exportadora, onde todas converxen e hai unanimi-
dade é no peso indiscutible que refiren as cooperativas pola súa implicación cos viticultores
e viticultoras que conforman a base social e coa veciñanza da zona, evitando o abandono,
fomentando o emprego e a rendibilidade económica, situándose como axentes dinamizadores
do medio rural, ofrecendo servizos comúns máis aló das vantaxes económicas da comercializa-
ción conxunta, mobilizando á mocidade mediante accións vinculadas ao ámbito profesional e
eventos socioculturais que exceden os límites territoriais e de influencia, achegando prestixio e
imaxe a unha actividade agraria tan arraigada na nosa Comunidade Autónoma.

