Page 47 - revista agaca 160_web
P. 47
47
novas
CEPES reúnese en Compostela para perfilar
estratexias de futuro
A Confederación Empresarial Española de Economía Social
(CEPES) desenvolveu a súa Xunta Directiva en Santiago de
Compostela. Durante dous días, os participantes traballaron
no deseño das liñas estratéxicas a seguir co fin de continuar
impulsando a economía social.
No acto de clausura tomaron parte a conselleira de Promo-
ción e Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, o alcalde de
Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a secretaria
xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía
Social, Covadonga Toca, amosando así o seu apoio a este
modelo empresarial que representa arredor do 7% do PIB de Galicia e o 10% do de España.
Lorenzana puxo en valor o papel do sector como «forza clave» do mercado laboral galego, con máis de 7.000
entidades e empresas galegas, e destacou que é un modelo solidario que antepón os beneficios sociais á
rendibilidade financeira; que xera un emprego máis estable e de maior calidade, inclusivo e igualitario; actúa
contra as desigualdades e a favor da redistribución equilibrada dos recursos e da riqueza fortalecendo tamén
a democracia institucional; é máis resiliente e está vinculado ao territorio.
Compostela foi escollida para acoller estas xornadas de reflexión no marco da capitalidade de Economía
Social que ostenta esta cidade galega en 2022, como parte dunha intensa axenda de eventos que se están
a realizar para fortalecer a capitalidade.
Xóvenes irlandeses visitan cooperativas
gandeiras galegas
AGACA acolleu unha delegación da Sociedade Irlandesa de Orga-
nizacións Cooperativas, ICOS, formada por xóvenes gandeiros (cinco
do sector leiteiro e un produtor de carne) e un técnico especializado
en gobernanza, lexislación e desenvolvemento cooperativo que
visitaron Galicia como parte do proxecto para o desenvolvemento
profesional de xóvenes granxeiros de ICOS Skillnet.
A viaxe, de tres días de duración, deseñouse co fin de que puidesen
coñecer as prácticas que as cooperativas galegas empregan para
incentivar a incorporación de persoas mozas e de mulleres, ademais
do seu sistema de gobernanza.
Visitaron as cooperativas Aira (Taboada) e Clun (Ames). Na primeira, o seu presidente, José Manuel Tellado
(tamén vicepresidente de Agaca), e o director xeral, Daniel Ferreiro, explicaron os servizos e funcionamento da
entidade. Ademais, coñeceron a gandería leiteira Novoa S.C.
Xa en Clun reuníronse coa súa vicepresidenta, Carmen Rodríguez (ademais presidenta de Agaca), e cunha
delegación de integrantes de Mulleres de Seu, a agrupación de mulleres de Clun, onde tiveron ocasión de
afondar nas estratexias que empregan para conseguir maior participación feminina. Tamén coñeceron a
gandería Sar de Serráns (Mazaricos), que produce leite da gama premium da cooperativa.
O último día, organizouse un encontro con Miguel Sáenz de Viteri, asesor legal de AGACA, e con Higinio
Mougán, director-xeral da entidade, acerca de aspectos normativos e gobernanza. Ademais, Gabriel Trenzado,
director xeral de Cooperativas Agro-alimentarias de España, resumiulles a situación do sector agroalimentario
nacional. Finalmente, Bernadette Fernández, técnica do departamento de calidade de AGACA, detallou as
diferentes certificacións e procesos de auditoría que poden cumprir as granxas galegas.
Nº 160 Outubro 2022