Page 48 - revista agaca 160_web
P. 48
48
novas
Primeira reunión presencial dos integrantes do
proxecto europeo UpFarming
Despois da reunión de inicio virtual que tivo lugar este verán, o consorcio que desen-
volve o proxecto UpFarming puido reunirse en persoa a mediados de setembro en
Santiago de Compostela, para coordinar os próximos traballos a desenvolver.
UpFarming busca apoiar ás pequenas explotacións e propoñer solucións vinculadas
á aplicación da sostibilidade, actuando en dúas vertentes: sensibilizar ás explotacións
agrícolas e reforzalas para que comuniquen ao público (provedores, consumidores
etc.) o que realmente fan en materia de sostibilidade.
Con este fin, os socios desenvolverán cursos para formar a consultores capaces de
acompañar aos agricultores e agricultoras no camiño da sostibilidade e a comunicación.
No proxecto, xunto con AGACA, participa CIA Agricoltori delle Alpi, a Confederación Italiana dos Agricultores.
Parabéns ás gañadoras das medallas
Emilia Pardo Bazán
O 20 de setembro, a Xunta de Galicia outorgou as medallas Emilia Pardo Bazán
á Asociación Íntegro, a Cristina Fernández, primeira fareira de Galicia e segunda
de España, e á Fundación María José Jove. Con estes premios recoñécese o labor
desenvolvido na construción dunha sociedade máis equitativa baseada nos princi-
pios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade.
A asociación Íntegro, de Cabana de Bergantiños (A Coruña), foi distinguida polo seu
traballo con mulleres con discapacidade en favor da inclusión social e a igualdade.
Cristina Fernández foi recoñecida pola súa traxectoria profesional, como primeira fareira de Galicia e segunda
de España.
No caso da Fundación María José Jove, valorouse o traballo que leva a cabo con menores expostos a situa-
cións de violencia de xénero, que ten como un dos seus eixos principais o desenvolvemento de terapia con
animais (cans) nas áreas metropolitanas de Betanzos, Curtis e Cambre, na provincia da Coruña.
AGACA participou no acto a través da presenza da súa presidenta, Carmen Rodríguez, tamén vicepresidenta
de CLUN e coordinadora da entidade Mulleres de Seu, que recibiu a medalla na primeira edición dos premios,
en 2019.
O sector alimentario busca solucións innovadoras
de emprendemento para a V Edición de BFFood
Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario
de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster
Alimentario de Galicia (Clusaga), mantén aberto ata o 20 de decembro ás
14:00h o prazo de presentación de proxectos para optar a formar parte da
súa V Edición.
Das propostas innovadoras de emprendemento, tanto nacionais coma internacionais, que dean resposta aos
retos da industria alimentaria galega e sexan presentadas á convocatoria, seleccionaranse 10 proxectos para
o programa de aceleración e seis para o de consolidación. Os participantes desta V Edición poderán optar
a programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos
avanzados, mentoría das empresas líderes do sector, financiamento directo e acceso a investimento, así como
a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.
Para presentar esta V Edición, dar a coñecer os beneficios asociados e resolver todas as dúbidas sobre a acele-
radora e a convocatoria, Clusaga e FEUGA organizan o 4 de novembro ás 10:00h en Santiago de Compostela
o Infoday da V Edición de BFFood. O evento servirá para recapitular os logros de pasadas edicións e abordar
dende distintas perspectivas a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario.