Page 6 - revista agaca 160_web
P. 6
6
a fondo
ESPECIAL SECTOR LÁCTEO GALEGO
Aínda estamos a tempo de seguir medrando
Higinio Mougán,
Director xerente de AGACA
Iniciamos outubro co Informe de Entregas de Leite correspondente ao mes de agosto e por
terceiro mes consecutivo caen en Galicia. Dende o fin das cotas lácteas, as entregas na nosa
Comunidade Autónoma foran medrando case todos os meses, configurándoa como a novena
rexión produtora de leite da UE. Isto canto vai durar? As fortes vagas de calor e a seca que
afectaron á produción de leite nos meses de xullo e agosto tenderán a remitir nos meses do
outono e do inverno a pesar de que as consecuencias permanecerán ata o vindeiro outono,
pois dispoñemos de menos forraxe de millo ensilado e de peor calidade.
Na práctica totalidade das comunidades autónomas de España a redución das entregas é
algo habitual mes tras mes e o sector lácteo español depende, cada vez máis, das entregas
de leite en Galicia e da súa evolución xeral. Somos conscientes de que as caídas de entregas
dos meses de verán son debidas ás fortes vagas calor e de que as vacas non recuperan a
produción ata o próximo parto, pero que podemos agardar da evolución produtiva do sector
nos vindeiros anos? En Galicia, as vagas de calor afectaron ás entregas en menor medida que
no resto de España. É de supoñer que esta menor incidencia estea baseada no feito de que as
entregas viñan medrando de forma continuada mentres que o resto de España acusaba un
estancamento ou redución das entregas.