Page 39 - 147_interactivo.pdf
P. 39
39 mundo cooperativo
INTEGRACIÓN COOPERATIVA
Levamos anos fomentando a integración coope- rativa e, en Galicia, non só non se apoiaron procesos deste tipo, senón que ata saíron liñas de axudas dende a Consellería que penalizan ás cooperativas que acadan unha determinada dimensión.
Ante un mercado aberto, competitivo e global, a concentración da oferta xunto a unha mellor organización e participación da produción na comercialización mediante cooperativas serán fundamentais para defender a rendibilidade das explotacións agrarias no mercado.
Solicitamos a posta en marcha dun Plan de inte- gración cooperativa e concentración da oferta e que se articule un sistema de apoio público mediante incentivos económicos. As Organiza- cións de Produtores (OP) poden ser un instru- mento de integración comercial da produción se están formadas e controladas por produtores.
Tamén solicitamos que todas as Cumas e Parques de Maquinaria de Cooperativas poidan acceder ás axudas de maquinaria en común e que os límites destas se incrementen.
MOCIDADE E SUBSTITUCIÓN XERACIONAL
Para solucionar o grave problema da falta de substitución xeracional e fomentar a implicación da mocidade no rural galego é preciso manter
políticas de apoio, incentivar a súa incorporación como persoas socias das cooperativas e poten- ciar a súa formación para dotar dunha visión empresarial aos órganos directivos e reitores.
Eliminar as barreiras fiscais nas transferencias de dereitos de pagos básicos da PAC, establecer beneficios fiscais para as persoas novas cando adquiran unha explotación, incrementar a subvención adicional para mozos e mozas na contratación dos seguros agrarios ou favorecer o acceso á terra dando prioridade a incorporacións acompañadas de xubilacións son algunhas das medidas propostas nesta área.
IGUALDADE OPORTUNIDADES
Aínda que preto da metade das persoas socias das cooperativas son mulleres, só un 22% acceden a postos de toma de decisión. Dende AGACA estamos a tomar medidas para acadar un equilibrio, por iso, solicitamos apoio público para as iniciativas que estamos a emprender neste senso, coma o impulso na creación da asociación «Nós, as mulleres»; o desenvolvemento de programas formativos ou a realización dun diagnóstico actual da situación, por exemplo.
DESPOBOAMENTO RURAL
É responsabilidade de todos buscar solucións ao despoboamento rural, pero hai que recoñecer o papel que xoga o modelo cooperativo a través dos seus valores, da primacía da persoa sobre o capital, e do interese xeral sobre o particular.
No 147 Marzo 2020